Sunday 28 de April de 2024

Valentín González Formoso chama á militancia a unha “participación masiva” nas Primarias do 30 de outubro para “recuperar a ilusión e a esperanza no PSdeG”


· Advirte de que “o conformismo pódenos levar á irrelevancia” e pide “un partido que aspire a gobernar Galicia”.

· Coincidindo co aniversario do nacemento de Pablo Iglesias Posse, Formoso reivindica Ferrol como “o berce do socialismo” e pide “un Partido Socialista que non sexa un fin en si mesmo senón un instrumento ao servizo da sociedade”.

· Formoso reitera o seu compromiso “favorecer a participación da militancia dentro do PSdeG” e lembra que “se fose pola actual dirección do partido as Primarias terían sido o 26 de setembro cun só candidato”.

Valentín González Formoso fixo hoxe en Ferrol, ante a militancia da cidade e de toda a comarca de Ferrolterra, un firme chamamento á “participación masiva” nas Primarias do próximo día 30 de outubro para a Secretaría Xeral do PSdeG e así poder, entre todos, “recuperar a ilusión e a esperanza no partido e poñer o mellor de nós ao servizo de Galicia”.

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG advertiu de que “o conformismo pódenos levar á irrelevancia” e pediu o apoio da militancia para lograr que o partido “volva a conectar coa sociedade e teña criterio nos asuntos de país”. “Somos o PSdeG, a nosa aspiración ten que ser gobernar Galicia, non podemos resignarnos a ser segunda ou terceira forza”, destacou.

Un día despois do 171 aniversario do nacemento de Pablo Iglesias Posse, Formoso reivindicou a Ferrol como “o berce do socialismo” e fixo referencia ás palabras do fundador do PSOE: “hai unha frase de Iglesias que vén inscrita no carné do PSOE: sodes socialistas non para amar en silencio as vosas ideas nin para recrearvos coa súa grandeza e co espírito de xustiza que as anima, senón para levalas a todas partes”. Neste sentido afirmou que “o socialismo non debe ser un instrumento en si mesmo senón un instrumento para cambiar e mellorar a sociedade”.

González Formoso, que participou esta fin de semana como cabeza da delegación coruñesa no 40 Congreso do PSOE celebrado en Valencia, afirmou que “foi o Congreso da unidade, da reafirmación dun partido que é consciente de que os grandes avances deste país conseguíronse cando o PSOE estivo unido e motivado, ese é o modelo que nós queremos para o PSdeG”.

Ademais, lembrou que “se fose pola actual dirección en funcións do PSdeG as Primarias terían sido o pasado 26 de setembro e só habería un candidato” e reiterou o seu compromiso de que “se son Secretario Xeral non haberá Primarias á medida, faranse co tempo suficiente para facilitar a participación da militancia e para que calquera compañeira ou compañeiro que queira aspirar a mellorar o partido e a sociedade poida presentarse”.